O Concello de Friol organiza unha nova edición da Feira do Cabalo, que nos seus inicios xurdiu como feira monográfica para revitalizar as feiras mensuais, e dada a grande afección ao mundo equino por parte dos veciños, mantívose e consolidouse despois de sete anos.
A cita neste 2012 é o domingo 12, e durante a xornada diferentes actividades programadas para tódolos públicos e participantes, completan unha nova edición onde se poderá pola mañá participar nunha ruta de 9 km polos camiños do municipio, para os xinetes que ata o Mercado Municipal se acheguen, saíndo o arredor das 10.30 h. Para os nenos e a partir das 11 da mañá, ao igual que en edicións anteriores, paseos gratuítos en ponis. E ás 12:30h para todos os visitantes e veciños un espectáculo de dominio e arte ecuestre, con profesionais de León, 11 xinetes e 6 animais, que durante unha hora e media amosarán o seu traballo nun espectáculo novidoso.
Xa pola tarde, previas inscricións, disputaranse 5 categorías do Concurso de Andadura, xa tradicional desta feira, de cabalos do país e cruces de trotóns, en serrada e chapeada ámbolos dous, finalizando cunha competición de trotóns, sempre espectacular. Repartiranse neste concurso máis de 2.000,00 € en premios en metálico e trofeos.
A continuación, a demandada Xincana Popular, para xinetes afeccionados locais, percorrido de probas a contra reloxo, onde a participación é sempre moi concorrida, non polos premios aos mellores tempos, senón con ánimo de participación e de pasalo ben. Repartiranse premios e agasallos entre tódolos participantes.
Despois da entrega de premios e trofeos, rematará a xornada cun sorteo dun poldro entre tódolos asistentes á feira a cabalo.
Dende o Concello de Friol, esperamos se repita o éxito acadado en anteriores edicións, tanto de participantes como de público en xeral; contribuíndo así á dinamización económica, social e cultural da nosa vila.
Cartel da Feira e programa