ANULACIÓN DA EDICIÓN 2021 DA FEIRA DO QUEIXO E PAN DE OUSÁ
O CONCELLO DE FRIOL CANCELA A “FEIRA DO QUEIXO E PAN DE OUSÁ”
Por seguridade de toda a poboación, e especialmente dos veciños e veciñas do Municipio, o Concello de Friol decide cancelar a súa maior Feira, que este ano se celebraría o día 21 de Marzo
Vendo os acontecementos que se están a suceder e o nivel de contaxios que se están producindo nas últimas semanas en toda a Comunidade, o Concello de Friol decidiu, por seguridade sanitaria da poboación de Friol principalmente, e por suposto por seguridade dos centos de persoas que se poderían xuntar na súa recoñecida e afamada “Feira do Queixo e Pan de Ousá”, que o mellor sería pospoñer, por segundo ano consecutivo, a celebración da citada Feira.
Outro motivo que leva ao Equipo de Goberno a tomar esta difícil decisión, é o descoñecemento do nivel de restricións que estarán impostas en esa data. E, tendo en conta que é un evento que precisa de varios meses de organización para que todo saia como debería, non se pode esperar ata finais de este mes de febreiro para decidir se se leva a cabo ou non.
O Alcalde José Ángel Santos lamenta ter que decidir de novo esta cancelación, posto que afectará negativamente a moitas familias do municipio, pero considera que “non podemos arriscarnos, dada a situación sanitaria que estamos a vivir, e que levamos case un ano sufrindo, a organizar un evento de estas características e que desfagamos todo o que levamos conseguido ata o de agora, ademais de que chegada a data, que sería o día 21 de Marzo, debemos ter en conta que pode ser que o nivel de restricións non nos permita realizar este tipo de eventos”
De esta forma, desde o Concello de Friol colaboran na prevención e limitan ao máximo o risco de contaxio entre a poboación. Se todos mantemos a responsabilidade individual e colectiva, seguindo as indicacións das autoridades sanitarias, seguro que no menor tempo posible, o coronavirus deixará de ser unha preocupación.